Blog DELIRA.EU

Blog DELIRA.EU

Cachiños de poesía, pensamentos, delirios e soños…

Muller es…

Ti, muller..eso es ti.

Es o adormecer do sol sobre o berce do horizonte..alá por Fisterra,..
e o reflexo do abrir do día lostrexando contra o Monte Pindo.

Cos olliños pequenos de sono..

Eso es ti, muller.

Fortaleza reflectida na ribeira.
Tecedora de escuma..

Vives entre o mar e a terra.

Eso es ti, muller..Eso es.

Eres o peito que coida de todos.
A ti quen che coida?

Esperas por todos.
A ti quen che espera?

Muller de verdade..

Es vida no mar e vida na terra.


Lira…

Somos o recordo dos vellos percorrendo os camiños da memoria,
escoitando todo o que os seus ollos nos teñen que contar.
Que máis que nós saben.
E máis que calquera académico das linguas ou da Historia.

Eles son os libros.
Non os tiveron, e volvéronse libros.
Abertos e perdurables a través da voz dos tempos.

Eles falaron co mar para preguntarlle polas súas inquedanzas.
O mar ensinoulles todo o que sabía.
Agora, eles saben tanto como o mar.

Eles falaron co monte e cos penedos;
e os seus pés espidos pisaron cada recuncho, cada toxo,
e volvéronse pedra..

Somos tamén o luito das nosas mulleres.
E a súa mirada mollada perseguindo a escuma que deixan tras de si as chalanas do porto.

Somos as súas mans cheas de terra entre as coles,
as súas mans apañando entre a area;
as súas ganas de escapar por un día do traballo da casa.

E o seu desacougo.
Tamén somos o seu desacougo.
Ás veces culpables del.

Somos as nenas e nenos tirando pedras ós tellados,
construíndo casuchas de soños que nunca estaban á altura do que a súa imaxinación construiu.

Somos as súas pernas de vento escapando da propiedade privada no día de San Xoán;e as súas cañas de pescar aljasos con corazón de lura.

Somos o porto,os terreos en campo e as vacas vendidas.

Somos as festas e os velorios.

Somos as faladurías que espetamos ó veciño, e a man que lle botamos cando nos precisa.

Somos como o mar:
Difíciles de amansar, pero fáciles de querer.

Como os nenos.


Almas do Mar de Lira

Cachiños de luz que bailades sobre as pedras..pingas de sal..quen vos falou do mar de Lira?

Viñestes ata aquí por nostalxia do paraíso?..ou tróuxovos a man do vento, que sabe onde descansan os recordos?..

Chegastes espidas, cheas de soños..e batestes contra as pedras..
..bicando cada recuncho da area..
(Nostálxicas de tempos mellores).

Quedádevos connosco..

Que sempre hai lugar en Lira para as almas esquecidas.

Vinde a compartir os reloxos que non andan,
os ceos que se estrelan..

A paciencia e amor dos que quedan.

Vinde aniñar entre nós.
Arraigade nas entrañas do tempo.

Nós non esquecemos a luz que trouxestes..

Non esquezades o que vos queremos.


Poema de amor (ou “mobilidade externa”)

Ven comigo e deixa que as miradas nos reinventen.
Deixa que perdamos o futuro nun descoido.
(Nada de proxectos que maten os soños).

Deixa que as nubes chovan a través de ti,
e que te empapes de min para ser unha alma nun corpo.
Nunca máis desleigada.

Levaches a razón contigo.
Hoxe déixaa na maleta que apretabas.
Pérdea.

Hoxe confía en que teremos abondo connosco.
Confía en que terei abondo que darche.
Abondo amor.

Perde as maletas.

Déixame crer nos teus paseos de vagar sobre min,
que devezo por emocionarme.
Volve.
A miña dignidade volverá contigo.

E cando chegues, abrázame.
Hasta que che doa.
Hasta que me convenza de que non volverás marchar.

Agora a túa terra é allea, mentres aquí choven bágoas por ti.
Chámome Lira.


Nunca Máis

O mar foi reflexo do negro do ceo.
Volvía a ser noite na terra do medo.
Mais brillando ó lonxe, cun claro de espello
millóns de mans negras acunaban ó neno.

Día triste de mentiras.
Canto amargo de sereas.
Paisaxe amable de almas blancas
recollendo os soños encallados na area.

Ancorou a corchea do vento entre as redes remendadas.
Quedou condenado o salseiro a non bicar ás montañas.
Quería facerse de noite, mais o  ceo clarexaba
e seguían vogando, en terra, as xeiteiras dunha esperanza.

Desfaite do berce do tempo ás portas do berro calado,
que non sexa a man que che durme quen espalle os teus soños mollados.
Non hai noite.
Volve o día,
que non sendo o dos fondos claros,
é o dos ollos que, amodiño, se van abrindo entre os teus brazos.